divendres, 29 de maig del 2009

Concentración em Compostela en solidariedade con Amadeu Casellas

O pasado 25 de Maio, unha dúcia de compañeiras e compañeiros da CNT Compostela concentramo-nos na Praza Roxa de Compostela en solidariedade con Amadeu Casellas, preso libertário que está a enfrentar-se á máfia carcelária cumprindo unha condea inhumana e pasando xa por duas folgas de fame.

LIBERDADE PARA AMADEU CASELLAS

Amadeu Casellas, actualmente preso no cárcere de Brians 2 (prisión que leva 26 mortos desde a sua inauguración fai dous anos) acaba de rematar a segunda folga de fame nos últimos 11 meses, para exixir a sua liberdade.

Fai bastante máis de 20 años que está en prisión. Pide ser excarcerado, porque, senón, a sua condena acabará convertendo-se en perpétua, o que vai contra a celebrada Constitución española. Pero tamén se conformaria coa concesión, como lle corresponde, do terceiro grau penitenciário, para ir só durmir a prisión.

Preso dende 1986, iniciou o 23 de Xuño de 2008 unha folga de fame indefinida para demandar a sua excarceración.

Tendo cumpridas dende fai anos as ¾ partes da condena ten direito a que lle concedan o 3º grau e veu negada esa posibilidade en base a informes falsos.

Finalmente, tras 76 dias de folga, poñendo en grave risco a sua vida, puxo fin á sua protesta tras acadar un acordo co Sindic de Greuges (Defensor do pobo en Catalunya)

Chegou-se ao compromiso de que lle darian os permisos que lle corresponden tras recuperar a sua saude e encamiñando estes permisos, á concesión dun terceiro grau (último grau para acadar a liberdade).

Acordou-se a creación dun calendário, unha espécie de folla de ruta, pola que se acordaba outorgar permisos a Amadeu após se repor da folga de fame e que terian continuidade coa obtención do artigo 100.2 do regulamento penitenciário, que non é outra cousa que un terceiro grau restrinxido, concluindo coa concesión do terceiro grau. Todo era cousa de meses. A mediados de Marzo acordarian o seu primeiro permiso penitenciário.

8 meses despois, estes acordos non deran o froito esperado e continuaba encarcerado, os compromisos adquiridos quedaran en papel mollado e o seu direito á vida e á liberdade seguian a ser pisados. Por todo elo, ainda sen recuperar-se de todo, Amadeu, considerando que o 20 de Abril teria que ter tido dia e hora establecidos para sair de permisos, empezou unha nova folga de fame indefinida.

O pasado 18 de Maio, após ser ingresado no hospital, decidiu abandonar voluntariamente dita folga de fame na que levaba 26 dias ao considerar que nestes momentos é preferíbel que a loita se siga levando adiante sen que quede condicionada ao seu estado de saude.

Por outra banda lembrar que Amadeu Casellas denunciou o director da cadea de Quatre Camins, ao CIRE (Centro de Iniciativas para a Reinserción), á “Dirección General de Instituciones Penitenciarias” e ao Departamento de Xustiza da Generalitat de Catalunya polas condicións que sofren os presos nos traballos dentro das prisións, desde non estar dados de alta na Seguridade Social, con soldos miserábeis (Amadeu chegou a cobrar 72€ ao mes por meia xornada como paleta oficial de 1ª e sen SS), como tamén a vulneración das medidas de seguridade necesárias para a sua profesión (botas, luvas, óculos, etc.), seguindo con despidos irregulares, feitos de maneira arbitrária e sen notificar, non abonar pagas extras e inclusive chegando a non pagar-lle o correspondente finiquito.

A respeito dos anos que leva en prisión Amadeu dicer que a nivel europeu houbo e hai mobilizacións contra as cadeas perpétuas encubertas, que comezaron en Grécia no mes de Novembro pasado, onde o estado ficou en xaque e tivo que liberar a miles de presos (máis de 8.000 chegaron a estar en folga de fame), e seguiron en Itália, no Estado español e na Alemaña.

Compañeiras e compañeiros presos de todo o continente denuncian que estas sociedades democráticas nosas están a lles quitar a vida. No Estado español vários presos e presas apoiaron e apoian a campaña facendo chapeos , folgas de patio, xaxúns e folgas de fame.

Por último sinalar que falamos de cadea perpetua encuberta querendo significar que o límite de cumprimento de condena aplicábel no Estado español, 40 anos, constitue de facto un castigo inhumano que sega completamente a vida dunha persoa. A este respeito, lembrar a campaña “Nunca digas nunca” levada á cabo por presas e presos italianas, que cansas de morrer cada dia un pouco máis e preferindo morrer dunha vez por todas, enviaron unha carta provocadora ao Presidente da República italiana para pedir que a sua pena a cadena perpetua fose convertida en pena de morte.

De novo sobran as razóns para saír á rua.

Exiximos a imediata liberdade de Amadeu Casellas

http://www.cntgaliza.org/?q=node/821